Os incendios de 2006 obrigan a desbotar a nova zona industrial de Salgueirós, en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade veuse abocado a desbotar a creación dunha reserva de solo calificado como zona industrial en Salgueirós, que xa contaba con todos os informes favorables da Demarcación de Estradas, concellos limítrofes, Dirección Xeral da Paisaxe, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Mobilidade, Aviación Civil, Augas de Galicia e Patrimonio Cultural.
No derradeiro trámite, previo á celebración da definitiva comisión de Urbanismo da Xunta, apareceu un informe do Servizo de Montes de Medio Ambiente que, tras rexistrar unha alegación particular de veciños de Viascón, alertou de que a zona estivo afectada polos lumes forestais do ano 2006 e non considera oportuno acometer unha recalificación do solo durante trinta anos en cumprimento da normativa.
O Concello optou por renunciar a este proxecto, que contemplaba 120.000 metros cadrados de superficie industrial, e anunciou este sábado que vai impulsar o mesmo proxecto nunha zona próxima, en concreto no monte de Mozín, polo gran interese en contar cun espazo que permita o asentamento de empresas.
O monte Mozín conta con 11 hectáreas axeitadas entre as parroquias de Santa María e San Xurxo de Sacos e dispón de vantaxes que corrixen algunhas eivas do anterior proxecto, xa que dispón de accesos axeitados á estrada N-541 –o único espazo do municipio con entrada e saída a ambos sentidos da Nacional– e a Pontevedra a través dun paso subterráneo.
"Somos un executivo que quere o progreso para o seu concello e debemos dispor dunha importante zona empresarial, pero tamén somos estrictos no cumprimento da lei e temos moita conciencia social, polo que non queremos que unha zona afectada por lumes sexa recalificada, así que decidimos renunciar a Salgueirós malia o avanzado que estaba", indicou o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.
Vaise comezar a modificar o proxecto, de Salgueirós a Mozín, e vaise impulsar de inmediato a modificación das normas subsidiarias para recalificar este espazo para destinalo a solo urbanizable industrial. En principio, agárdase que toda a tramitación estea completada en 18 meses.