Trece novas sendas peonís e ciclistas para Poio e Pontevedra
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda deu un impulso a 13 sendas peonís e ciclistas nos concellos de Pontevedra e Poio ás que a Xunta vai destinar un orzamento duns tres millóns de euros.
Segundo informou a consellería a través dun comunicado, acaban de adxudicar o contrato de servizo para a redacción dos proxectos de construción das 13 sendas. O contrato, adxudicado á empresa Ingeniería del Noroeste por un investimento de máis de 180.000 euros, terá un prazo de 12 meses para a súa redacción, coa fin de que os primeiros documentos estean redactados a comezos do vindeiro ano para iniciar a licitación das obras.
No Concello de Poio realizaranse dous proxectos na estrada PO-308, un Fontenla-Combarro e outro Combarro-Chancelas-Samieira, e outros dous na PO-309 en Portosanto e en Tarrío, na PO-303.
En Pontevedra, actuarase en O Freixo, na PO-531; en A Devesa-Bretoña, na PO-531; en A Piolla-O Couso-O Sobral, na PO-223; en Pazos, na PO-542; e en Alba-San Caetano, na PO-225.
Estas actuacións están enmarcadas na segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, que contempla sendas seguras e sustentables para as comarcas de Pontevedra, Ourense, O Morrazo e Lugo e ten como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.
XESTIÓNS DE ÁNGEL MOLDES
Por outra banda, o voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, mantivo unha reunión co delegado da Xunta en Pontevedra, Jose Manuel Cores Tourís, para interesarse polo contido dun dos proxectos que se aprobou no último Consello da Xunta, en concreto, o centrado en eliminar a perigosidade na PO-308.
Segundo informou a través dun comunicado, comprobou que o proxecto inclúe unha actuación integral, con rotondas, mellora da sinalización e eliminación de obstáculos, entre o cruce da baixada ao peirao de Covelo ata o límite con Sanxenxo, un tramo considerado pola Xunta como tramo de concentración de accidentes, no que nos últimos anos houbo que lamentar vítimas mortais por atropelos. Segundo destaca, o máis importante é que xa conta con unha partida orzamentaria xa aprobada.
Relacionadas:
-
A Xunta somete a información pública o proxecto da senda peonil entre Alba e San Caetano
Por Redacción |
-
Aberto o prazo de alegacións ao proxecto de senda peonil e ciclista entre a Devesa e Bretoña
Por Redacción |
-
Tres glorietas en Samieira, Covelo e Raxó para mellorar a seguridade da PO-308
Por Redacción |
-
A Deputación activa un proxecto para impulsar o turismo sustentable
Por Redacción |