Dúas persoas evacuadas ao hospital tras ser rescatadas polos bombeiros no incendio dun piso
Por Natalia Puga
Dúas persoas tiveron que ser atendidas polos servizos sanitarios e trasladadas ao Hospital Montecelo de Pontevedra para ser atendidas pola intoxicación por inhalación de fume que sufriron na madrugada deste sábado ao declararse un incendio no piso abandonado no que pasaban a noite.
O lume declarouse sobre as 6.00 horas da madrugada nun piso da terceira planta dun edificio da avenida de Lugo e foi necesaria a intervención dos bombeiros, os servizos sanitarios de Urxencias Médicas de Galicia 061, Protección Civil e as policías Local e Nacional.
Cando os bombeiros chegaron ao lugar, había dúas persoas no balcón da vivenda pedindo axuda e saía fume do edificio. Os efectivos subiron nunha elevadora ata o terceiro piso e rescataron ás dúas persoas en apertos. Tras poñelas a salvo, foron atendidas por inhalación de fume.
Segundo informaron os bombeiros, a continuación subiron ata a vivenda a través das escaleiras de acceso e sufocaron as chamas. O lume iniciouse nun colchón situado no corredor da casa e había bastante fume, pero o incendio non se estendeu demasiado porque, coa calor provocada polas lapas do colchón, se derreteu un tubo de plástico que ía polo teito e axudou a controlar o lume.
Os bombeiros procederon a apagar por completo as lapas e a ventilar o piso, unha intervención na que empregaron ao redor dunha hora.
O piso no que se produciu o incendio está abandonado e utilizábano dous indixentes para pasar a noite cando se iniciou o incendio, por causas que aínda hai que determinar.