O Concello de Poio acorda coa Xunta un novo centro de saúde con servizo de urxencia
Por Oskar Viéitez
O Sergas enviou un borrador de convenio ao Concello de Poio para a construción dun novo centro de saúde que incluirá os servizos de urxencias, rehabilitación e farmacia.
Os concelleiros de Promoción Económica e Urbanismo, Xulio Barreiro e Gregorio Agís, informaron este venres que o Concello e a Xunta están a negociar as condicións do centro e a súa localización.
O goberno local baralla varias opcións. A parcela elixida deberá contar con fácil acceso, terreo para aparcadoiro e uns "2.000 ó 3.000 metros cadrados porque hai que contar con futuras ampliacións polo si ou polo non", dixo Agís. O Concello quere poñer esta parcela a disposición da Consellería de Sanidade "en tempo récord".
No borrador de convenio de colaboración tamén se expoñen os servizos que dará este centro de saúde sinalándose como "imprescindibles" os de rehabilitación, unha farmacia e un punto de atención de urxencias médicas durante unhas 14 horas.
DESCARTADA A REFORMA DE ANAFÁNS
Con esta nova infraestrutura sanitaria "moito máis ambiciosa" en marcha o goberno local de Poio considera "descartada" a reforma do centro de saúde de Anafáns.
En canto ao futuro do resto de centros médicos do municipio o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, sinalou que isto é algo que "aínda non se falou co Sergas".
O posible peche dalgún dos centros existentes dependerá da Xunta de Galicia e o mapa de saúde que estableza. "Nós non somos partidarios do peche dos centros periféricos, pero é algo que non é a nosa competencia", concluíu.
Relacionadas:
-
Unha parcela en San Salvador, a que "máis gusta" para o novo centro de saúde de Poio
Por Alejandro Espiño |
-
O PP fai público o borrador do convenio e os correos entre o Concello de Poio e o Sergas
Por Oskar Viéitez |
-
Unidade no goberno local do Poio: centro de saúde si, pero sen pechar os ambulatorios de Combarro e Raxó
Por Diego Espiño |
-
Ángel Moldes solicita a Concello e Sergas o borrador do convenio do novo centro de saúde de Poio
Por Redacción |