O Hospital Montecelo ensina a precisión 3D para operar o cancro de próstata
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Unha torre de cirurxía laparoscópica 3D para intervir tumores na próstata ten un prezo superior aos 100.000 euros. O Hospital Montecelo conta con dúas desde finais de 2014, que se duplicarán antes de que finalice o ano, e o departamento pontevedrés con 11 urólogos xa se converteu nun servizo referente na península con ampla experiencia nestas técnicas.
Durante este venres e tamén na xornada do xoves, Montecelo acolle a distintos urólogos procedentes de hospitais de toda España para que comproben unha demostración en directo dos últimos avances cirúrxicos desta especialidade. O salón de actos convertíase, desta forma, no escenario da retransmisión de dúas intervencións de cirurxía laparoscópica en 3D. O obxectivo destas xornadas é expoñer e analizar este sistema para reducir as complicacións que se relacionan con esta enfermidade: a inconteniencia urinaria e a impotencia sexual.
O xefe do servizo de urología no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, Manuel Ruibal Moldes, explicaba que este método mellora a precisión cirúrxica, que é fundamental para reducir esas complicacións asociadas ao cancro de próstata. Ademais, os pacientes están en 48 horas nas súas casas tras a intervención ao tratarse dunha cirurxía non invasiva. A tecnoloxía de laparoscopia 3D emprégase tamén en operacións dixestivas e xinecolóxicas. A introdución dunha pequena cámara permite que se transmitan con alta resolución as imaxes dos órganos onde se está a intervir.
REVISIÓN A PARTIR DOS 50 ANOS
O de próstata é o tumor máis habitual entre os homes, representa o 25% dos cancros que padece o xénero masculino. Non é moi agresivo pero aínda conta cunha mortalidade importante e desde a aplicación da cirurxía melloraron as expectativas de vida. Ruibal destacou a necesidade de realizar controis a partir dos 50 ou desde os 45 anos se hai antecedentes directos de cancro de próstata para tentar actuar canto antes e evitar o seu desenvolvemento, que pode comprometer a vida do paciente. Engadiu a importancia do factor xenético na presenza deste tumor, que non ofrece síntomas e que pode detectarse a través dunha análise de sangue.
Neste servizo do Complexo Hospitalario opéranse a máis de 100 pacientes con esta enfermidade e con tratamento curativo ao longo dun ano, ademais hai outros tantos pacientes que por idade ou porque o cancro se atopa avanzado que tamén son controlados desde Montecelo, segundo expuxo o xefe de Urología.
Manuel Ruibal indicou que a laparoscopia en 3D é a antesala á cirurxía robótica, que ofrece aínda máis precisión, que actualmente se atopa sobre todo en hospitais privados debido ao seu elevado custo, que chega aos 2.500.000 de euros.
Sinalaba que no futuro espérase que os hospitais públicos galegos poidan contar cunha dotación de cirurxía robótica pero insistiu en que antes é preciso formar os profesionais para uitlizar este sistema, que se probou ao longo dunha semana no Hospital Montecelo hai un ano durante unhas xornadas cirúrxicas tamén con cirurxía en directo.