Detido por asaltar unha moza na ponte da Barca
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Axentes da Policía Nacional de Pontevedra detiveron na noite deste xoves un home por un asalto a unha moza cando ambos cruzaban a ponte da Barca. Ata o momento, apenas saíron á luz detalles do ocorrido, pero as primeiras informacións apuntan a que se trata dun asalto de índole sexual no que o arrestado abusou da moza.
Todo ocorreu sobre as 21.00 horas deste xoves. Unha persoa que tamén se desprazaba pola ponte da Barca alertou á Policía Nacional de que estaba a presenciar unha escena constitutiva dun delito.
Segundo as primeiras informacións, someteu á moza a unha serie de tocamentos. Ata o momento, non transcendeu se o incidente foi a máis ou se tamén cometeu algún tipo de roubo.
Inmediatamente, desprazáronse ao lugar varias dotacións da Policía Nacional. Cando chegaron, testemuñas presenciais tiñan xa retido ao sospeitoso e os axentes arrestárono na confluencia entre a ponte da Barca e o Paseo de Colón.