Adxudican a rede de sumidoiros que beneficiará a 160 veciños de Viascón
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade adxudicou a construción da rede de sumidoiros nos lugares de Cuiñas, A Bouza e A Costa, na parroquia de Viascón. O proxecto beneficiará a preto de 160 veciños destes tres lugares.
Esta actuación forma parte do proxecto de extensión do servizo de saneamento polo municipio. Foi adxudicada á firma CPA Construcciones y Proyectos Abelleira por 40.300 euros.
A empresa acometerá os traballos nun prazo de execución de 24 días e manterá a garantía dos mesmos por un período de tres anos.
Ademais, ofreceu catro melloras non incluídas no proxecto: a substitución da tubaxe por unha de maior calidade, a renovación e reparación da rede da Bouza con inspección de colectores e pozos, a instalación dunha tubaría de alta densidade e substitución da mangueira nun treito da obra e a adecuación do servizo ao equipo de depuración.
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, indicou que o comezo será "bastante inminente, tan pronto como finalicen os derradeiros aspectos administrativos". A obra será unha realidade este mesmo ano.
Cubela quixo destacar a importancia destes traballos para dotar do servizo de sumidoiros "a máis da terceira parte da poboación dunha parroquia moi habitada como é Viascón" e agradeceu o esforzo da Xunta de Galicia por dotar de fondos a plans para estes investimentos, xa que o financiamento desta obra conseguiuse ao abeiro dunha orde de axudas autonómicas.
Relacionadas:
-
Cubela presume da transparencia de Cerdedo-Cotobade na contratación de obras
Por Redacción |
-
Cambios no proxecto obrigan a ampliar as expropiacións para o saneamento de Tenorio
Por Redacción |
-
A Xunta financia obras de saneamento en Viascón
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta compromete máis de 5,5 millóns de investimento para sete actuacións en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |