Sorprenden dúas persoas roubando o combustible dun camión en Vilaboa
Por Redacción
Dous veciños de Pontevedra, ambos de nacionalidade marroquí, foron sorprendidos pola Garda Civil tratando de roubar o combustible dun camión aparcado no recinto dunha empresa de Vilaboa.
Aos dous investígaselles por un delito de furto de gasoil, segundo informou o instituto armado.
A alerta dun cidadán, que se realizou a través do teléfono 062, foi a que puxo sobre a pista aos axentes sobre un vehículo sospeitoso que roldaba as instalacións da compañía.
Patrullas dos postos de Moaña, Soutomaior e Pontevedra desprazáronse rapidamente ao lugar e identificaron aos dous ocupantes do vehículo.
Ao inspeccionar o turismo, a Garda Civil atopou no seu interior cinco garrafas de plástico baleiras, de 25 litros cada unha, e unha mangueira de goma.
O evidente cheiro a gasoil que desprendían, tanto o vehículo como as garrafas e os dous ocupantes do coche, evidenciaron que estas dúas persoas pretendían subtraer o combustible do camión, de cuxa acción desistiron ao decatarse da presenza da Garda Civil.
As dilixencias foron entregadas no xulgado de instrución de garda de Cangas, onde deberán comparecer cando sexan requiridas polo xuíz.