O SUP pide que o alcalde de Pontevedra sexa declarado persoa 'non grata' para a Policía Nacional
Por Redacción
O Sindicato Unificado de Policía (SUP) solicita á Delegación do Goberno en Galicia que declare ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, persoa 'non grata' para a Policía Nacional e non sexa convidado a ningún dos actos que organice a institución policial.
A petición tamén afecta o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, polas posicións adoptadas ambos os por mor da polémica orixinada en Cataluña nas últimas semanas e das situacións de acoso que sufrren os policías e gardas civís despregados na comunidade catalá.
O SUP lembra que os membros da Policía Nacional e da Garda Civil "veñen sendo obxecto dun acoso constante coa finalidade de impedirlles o lexítimo exercicio das súas funcións" por mor da convocatoria do referendo do 1 de outubro, declarado ilegal polo Tribunal Constitucional.
Os representantes sindicais indican que poden "asumir as críticas" dos partidarios do proceso independentista en Cataluña ou de calquera cidadán a través das redes sociais, pero "o que non é de recibo", é o feito de que autoridades políticas que representan a toda unha cidade se pronuncien e critiquen publicamente a actuación dos policías e gardas civís en Cataluña.
A crítica céntrase nos plenos celebrados en ambos os concellos nos que as mocións de apoio aos labores das forzas e corpos de seguridade do Estado desprazadas en Cataluña que presentou o PP en todos os municipios non saían adiante polos votos en contra dos alcaldes destas cidades.
"Con motivo da reiterada falta de apoio á nosa institución e máis recentemente polo rexeitamento ao labor dos nosos compañeiros en Cataluña", a Comisión Executiva Federal de Galicia do Sindicato Unificado de Policía decidiu por unanimidade a designación de 'non grata'.
Relacionadas:
-
PP e PSOE aproban na Deputación unha moción de apoio á Policía Nacional e a Garda Civil
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O 'barco de Piolín' e o procés cóanse no pleno de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- Policías piden en Pontevedra medidas urxentes para frear o "acoso" e "persecución" que sofren en Cataluña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Apoio policial desde Pontevedra aos axentes das forzas de seguridade en Cataluña
Por Redacción |