Unha "manobra dilatoria" obriga a suspender de novo un xuízo que xa se fixou cinco veces nun ano
Por Natalia Puga
Á quinta tampouco foi a vencida. A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra tivo que suspender de novo un xuízo que se tiña que celebrar por primeira vez fai máis dun ano, no verán de 2016, por unha estafa na venda de casas prefabricadas de madeira, e que agora quedou aprazado ata o 7 de novembro.
Os antecedentes deste xuízo son rocambolescos. Tras aprazarse no verán e o outono de 2016, finalmente, celebrouse en xaneiro deste 2017. O logro non serviu de nada, pois fallou o sistema de gravación da sala de vistas, a sesión non quedou rexistrada e é necesario volver celebralo. Xa se tentou en xullo e houbo que aprazalo e este xoves estaba fixado o quinto intento, de novo errado.
Nesta quinta ocasión, o xuízo aprazouse porque o acusado renunciou á avogada da quenda de oficio que o defendía ata agora e o venres pasado designou un novo defensor. O novo letrado explicou este xoves que o acusado non o chamou ata o luns para indicarlle que o nomeaba e que non tiña a confirmación de que se aceptaba este cambio na defensa nin accedera ao sumario do caso, de modo que non estaba en condicións de facer o seu traballo e solicitou un adiamento.
A petición non sentou ben nas acusacións acudidas na causa. A avogada dunha das dúas familias presuntamente estafadas considera que se trata dunha "manobra dilatoria" por parte do acusado, que xa desde xullo ten constancia de que o xuízo se celebraría este xoves 26 de outubro e, se quería cambiar de avogado, podía facelo antes.
O fiscal do caso, Augusto Santaló, foi máis duro e criticou que as explicacións que achega o novo avogado non son "convincentes". Opúxose á petición de aprazar a vista porque con esta decisión "vulnéranse os dereitos das vítimas, que teñen dereito a unha xustiza rápida e eficaz".
Santaló mostrouse moi incisivo e cuestionou a "desidia" do acusado e unha petición "fraudulenta", pois na sala estaban o novo avogado e a anterior e entre os dous podían levar a causa sen ningún problema.
Tras un breve receso, a Sección Segunda da Audiencia que debe xulgar o caso decidiu suspender a vista e aprazala ata o 7 de novembro para "garantir" uan defensa efectiva do acusado. O presidente do tribunal, Xosé Xoán Barreiro Prado, fixo un chamamento á responsabilidade e a que "sen máis dilacións, esperemos poder celebrar dunha vez".
Neste xuízo está acusado José Manuel Moure Rey, un empresario de Viascón (Cotobade) que presuntamente estafou unha familia da parroquia pontevedresa de Tomeza e a outra de Campo Lameiro que lle contrataron unha casa prefabricada de madeira, realizáronlle varios pagos e nunca lla fixo. O fiscal pide que sexa condenado a oito anos de prisión e o pago dunha multa de 7.200 euros (24 meses a 10 meses de diarios).
Relacionadas:
-
Visto para sentenza o xuízo contra o acusado de estafar dúas familias que lle contrataron casas de madeira
Por Natalia Puga |
-
E á sexta convocatoria... celebrouse o xuízo contra un acusado de estafar a compradores de casas de madeira
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Audiencia repetirá en xullo o xuízo por estafa que non quedou gravado por problemas técnicos na sala
Por Natalia Puga |
-
Contrata unha casa de madeira e queda coas ganas e sen diñeiro: "Ao final, nin casa nin nada, unha burla"
Por Natalia Puga |
-
A familia que soñaba cunha casa de madeira e acabou estafada
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Fiscalía pide sete anos de prisión para un empresario de Cotobade que cobrou dúas casas que nunca fixo
Por Oskar Viéitez |