Reclaman "condicións dignas" para nais e bebés lactantes no Hospital Provincial
Por Natalia Puga
Unha familia pontevedresa cun bebé dun mes ingresado desde o pasado venres no Hospital Provincial presentou unha queixa oficial no servizo de atención ao paciente para reclamar "condicións dignas" na área de lactantes do centro hospitalario. Denuncian que a súa situación é "desesperada", xa que a estancia será longa e "non nos ofrecen solución" ás súas reclamacións e engaden que a mesma situación sófrena moitas máis familias.
Reclaman, en concreto, mellores condicións para a nai e para o fillo enfermo, pois trátase dun bebé lactante que toma a demanda e a súa nai debe estar de forma permanente con el para darlle o peito. Na habitación que lles asignaron tan só hai por cada paciente un berce e unha cadeira de brazos que "case nin se reclina", de modo que esta pontevedresa vese oligada a dar o peito ao seu fillo alí e tamén a durmir cada noite.
A maiores, quéixanse de que hai un aseo compartido para dúas habitacións dobres e un cartel que limita o seu uso aos pacientes, isto é, a nenos de 0 a 2 anos que están nesta planta do Provincial e que "ningún usa o servizo, non a esas idades". Os pais deben saír da habitación e desprazarse para poder acudir ao aseo comunitario, o que implica deixar ao neno só durante o tempo que empreguen ou pedir ao persoal da planta que se encargue de vixialo durante ese tempo.
No caso desta familia que presenta a queixa, a nai debe estar co neno de forma permanente, de modo que é ela a que sofre as peores consecuencias tanto de non poder utilizar os servizos como de ter que durmir nesa cadeira de brazos "de condicións pésimas para a estancia da nai que debe permanecer á beira do bebé".
"É inadmisible durmir en tales condicións prexudicando á saúde da nai e, por tanto, prexudicando tamén ao bebé enfermo", sostén esta familia, e engade que o berce do seu bebé é "moi antiga" e que no aseo que lle corresponde o cheiro dos canos é "insoportable" e teñen que manter a porta do baño completamente pechada.
Sosteñen que con estas circunstancias non se favorece a lactación materna exclusiva e formulan outras queixas como, por exemplo, que cando a eles se lles asignaron esa habitación a temperatura "era baixa co correspondente risco que iso leva para os pacientes".
O fillo desta familia aínda deberá permanecer hospitalizado polo menos 15 días máis, de modo que os seus pais decidiron queixarse a nivel formal e público para buscar unha solución. Ademais, trasladáronlle esas queixas ao propio persoal do hospital porque a habitación "non reúne as condicións mínimas para a estancia do noso fillo e a súa nai".
A familia que formula a queixa explica que o neno ingresou o pasado venres 20 de outubro e nos primeiros días de ingreso a área de lactantes estaba pechada, de modo que estivo na zona de pediatría para nenos maiores de dous anos. Nesa planta a nai si tiña unha cama na que dar o peito ao neno e descansar, de modo que non lle parecía bo que o seu fillo dun mes compartise habitación cun neno en idade escolar polo risco de contaxio de enfermidades, pero as circunstancias xerais de hospitalización eran mellores.
Ao respecto, desde o Servizo Galego de Saúde indicaron que a queixa terá a oportuna resposta a través do servizo de atención ao paciente.