Sufocan un importante incendio no edificio do antigo Liceo de Estribela
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Os Bombeiros de Pontevedra tiveron que actuar de urxencia durante a madrugada deste mércores para sufocar un incendio que se declarou no edificio que ocupaba o antigo Liceo de Estribela.
O lume, segundo informan os Bombeiros, iniciouse pouco antes das 2:00 horas da madrugada no interior do histórico inmoble, de tres plantas situado no número 81 da Avenida Marqués de Valterra.
Debido a que o seu interior conta cunha estrutura de madeira, o lume avanzou con rapidez afectando a parte da primeira e a segunda planta. Non así á planta baixa, onde aínda se conservan diversos documentos.
A rápida intervención dos efectivos de emerxencia, que acudiron con ata tres unidades, conseguiu frear o avance das lapas. Aínda así os Bombeiros permaneceron no lugar ata as 4:40 horas da mañá.
Non foi con todo o final da súa actuación, xa que dúas horas máis tarde tiveron que volver despregarse no lugar ao reavivarse algún rescoldo na madeira, polo que durante o espazo dunha hora seguiron refrescando a estrutura para evitar un novo susto.
Non houbo que desaloxar ningún edificio lindeiro ao comprobar que non existía risco de que se estendese o lume.
Os axentes da Policía Científica accederán mañá ao inmoble para investigar as causas do incendio
O edificio do antigo Liceo de Estribela leva anos en desuso. Foi ademais no ano 2012 obxecto de 'okupación' por parte dun grupo de persoas que tentou recuperar o uso social, cultural e de lecer que caracterizaba no seu momento ao inmoble.