Os expertos din que "non ten ningún sentido lanzarse a actuar" sobre o monte queimado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, deu por iniciados os traballos para evitar a erosión do solo tras a vaga de lumes. Acompañada polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, visitou este martes o centro de investigación forestal de Lourizán para manter un encontro de traballo con técnicos especialistas en recuperación de zonas afectadas polo lume.
"Hoxe toca poñerse a traballar", afirmou Ángeles Vázquez. Agora corresponde aos técnicos de Lourizán coordinar e determinar as accións e os lugares nos que se actuará. O primeiro paso, segundo detallou a conselleira, será "facer unha análise daqueles lugares que levas máis de 300 hectáreas ardidas non só nesta fin de semana", precisou, "senón ao longo de todo o ano".
Cristina Fernández, investigadora do departamento de protección forestal, explicou que "haberá que estudar caso por caso", un labor que se debe acometer "con cabeza", debido a que "non ten ningún sentido lanzarse a actuar" sobre o monte queimado.
Primeiro acometeranse as accións urxentes destinadas a mitigar o risco hidrolóxico-erosivo, isto é, o arrastre de cinza aos ríos, acuíferos, encoros e finalmente ás rías.
Unha das medidas para aplicar é cubrir de palla o solo de zonas queimadas para protexelo da erosión e evitar que o arrastre das choivas, unha técnica de acolchado que se coñece como "mulching". Aínda que aínda non pode avanzar en que puntos será nos primeiros nos que se intervirá.
O centro de investigación forestal de Lourizán é un referente mundial neste tipo de tratamentos. A conselleira destacou que a pasada semana acudiron investigadores de Portugal para importar estas técnicas para o país luso.
Ante o gran número de voluntarios e de iniciativas de particulares, de concellos ou de distintas entidades ecoloxistas que se lanzaron a tomar medidas para recuperar o monte tras os incendios forestais os investigadores advirten que algunhas prácticas poden chegar a ser contraproducentes ou mesmo perigosas.
A conselleira recomendou que se actúe "con sentido" xa que "hai equipos que levan traballando durante anos" polo que ten que haber unha "orde" e insistiu en que "a alma mater deses traballos" é o centro de investigación de Lourizán.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas convoca novamente os voluntarios para rematar a "operación mulching" este sábado
Por Redacción |
-
Un exército de 200 voluntarios para reducir os efectos dos incendios en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
É posible predicir as zonas de maior risco de sufrir incendios?
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas busca artistas interesados en colaborar nun festival solidario
Por Redacción |
-
Esta semana comezarán os traballos para a recuperación dos terreos queimados
Por Redacción |
-
Os comuneiros, ante a vaga de lumes: "A única trama que hai é a falta de xestión forestal"
Por Natalia Puga |
-
RADIO.- #QueimanGalicia nas Conversas na Ferrería
Por Marisa Ciordia |