Renovan a captación de augas para garantir o abastecemento ás 15 casas da aldea de Lourido
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade rematou a renovación e mellora do servizo de captación de augas na aldea de Lourido co obxectivo de garantir o abastecemento de augas aos veciños.
Segundo indicou o Concello, neste lugar pertencente á parroquia de Cerdedo construíse unha nova captación de augas, xa que se desfixeron as vellas arquetas que collían o caudal dos antigos mananciais da zona e construíronse tres novas cos seus correspondentes rexistros, para garantir un subministro perfecto para as 15 casas do lugar.
Esta actuación, moi similar á que se acaba de realizar tamén nas aldeas de Vilar e Piñeiro, enmárcase no plan de abastecementos do Concello, que tamén permitiu a construción de novos depósitos en Tomonde e Folgoso o pasado mes de abril e que proxecta outros novos en Vilalén, Tresaldeas, Quireza, Framil, Peniñas, Meilide e Cavenca-Revolta.
O vicepresidente de Cerdedo-Cotobade, José Balseiros, indica que o Concello está a facer un gran esforzo de investimentos e tamén en materia de persoal para mellorar, reforzar e construír uns axeitados sistemas de abastecemento, xa que van xa uns anos con maior escasez de choivas e consideran fundamental garantir o subministro de augas á poboación.