A Xunta establecerá criterios "o máis obxectivos posibles" para repartir o seu edificio de Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
Todas as asociacións e ONG de Pontevedra interesadas en ocupar dúas das plantas do edificio da Xunta en Benito Corbal, unha vez se complete a súa rehabilitación, poderán optar a un dos espazos que se habilitarán. Farano, segundo garantiu o vicepresidente galego, baixo criterios "o máis obxectivos posibles".
Así o comunicou Alfonso Rueda tras presentar este luns o proxecto definitivo ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Durante 2018, o goberno galego contactará con estes colectivos para ofrecerlles ocupar os preto de 1.200 metros cadrados que, repartidos en dúas plantas, estarán á súa disposición. Un dos requisitos de obrigado cumprimento é que estas asociacións utilicen o local de forma habitual e non estea pechado ao público a maior parte do tempo.
A reforma do edificio, segundo as previsións da Xunta será adxudicada antes de que finalice este ano e as obras comezarán no primeiro trimestre de 2018. Investiranse en total 5,1 millóns de euros, dos cales máis de 3,8 millóns están consignados xa nos orzamentos autonómicos para o próximo exercicio.
Rueda confía en que o inmoble estea terminado e "a pleno funcionamento" no primeiro semestre de 2019.
Na antiga delegación da Xunta en Pontevedra convivirán, lembrou o vicepresidente galego, as oficinas de emprego que dependen da administración autonómica, a Universidade de Vigo e un nutrido grupo de asociacións locais. Farano nun espazo "moderno, cómodo, accesible e versátil" para todos os usuarios.
Ademais, tamén se recuperará o vello salón de actos do edificio. Terá capacidade para unhas cen persoas e estará a disposición de toda a cidadanía.
O alcalde, Miguel Fernández Lores, mostrou a súa satisfacción pola recuperación dun edificio que presentaba "serios riscos" de deterioración e que cubrirá unha necesidade "moi importante" na cidade.
Será unha rehabilitación que, engadiu, "respecta" o inmoble desde o punto de vista arquitectónico e aposta por unha notable melloría en aspectos ambientais e de accesibilidade.
Relacionadas:
-
A reforma do edificio da Xunta en Benito Corbal, lista no primeiro trimestre de 2019
Por Redacción |
-
O edificio da Xunta en Benito Corbal, en obras desde esta semana
Por Redacción |
-
O edificio da Xunta en Benito Corbal, en reforma a partir de xaneiro
Por Redacción |
-
A sede do Campus Crea ocupará catro plantas do edificio da Xunta en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta licitará esta semana a rehabilitación da súa antiga sede en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O custo da reforma do edificio da Xunta en Benito Corbal superará os 5 millóns de euros
Por Redacción |
-
O edificio da Xunta en Benito Corbal abre as súas portas para un 'recoñecemento'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |