Edelmiro Cuiña, de Autocares Rías Baixas, premio honorífico de AJE Pontevedra
Por Mónica Patxot
Edelmiro Cuiña Vence, presidente de honra de Autocares Rías Baixas S.L. e un dos fundadores da Empresa Cuiña, premio honorífico de AJE Pontevedra. Este luns 23 de outubro, o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra, Pablo Fernández, xunto membros da xunta directiva, xustificou a elección deste ano "polas súas contribucións notables á sociedade e participación económica na provincia de Pontevedra".
O acto de entrega do galardón honorífico celebrarase o vindeiro martes 31 de outubro, ás 20:30 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
Edelmiro Cuiña naceu en Silleda en 1941. Está casado con Pilar e é pai de 5 fillos e xa ten 8 netos. É o terceiro de 8 irmáns. Iniciou os seus estudos no colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa e no colexio dos Pais Paules de Marín ata que polo falecemento inesperado do seu pai Aurelio, cabeza de familia e pequeno empresario do transporte en autobús, con menos de 18 anos tivo que abandonar os seus estudos e xunto á súa nai e irmáns facerse cargo da empresa familiar e empezar a traballar nunha profesión que non era o que tiña soñado para o seu futuro.
Empezou como cobrador e posteriormente como condutor nos servizos a feiras, excursións ou na liña regular, aínda que case pasaba máis horas debaixo dos autobuses reparándoos que conducindo. Segundo explicou, aqueles foron uns anos moi difíciles onde a unión familiar e o esforzo de todos permitiulles seguir adiante coa empresa. Unha etapa dura que forxou o seu carácter e consolidou os valores que lle acompañaron durante toda a súa vida.
A súa actitude emprendedora levouno a trasladarse a Pontevedra en busca de novos horizontes na década dos 70. A súa aposta polos servizos de transporte escolar recentemente creados pola administración e o traballo para outras empresas da zona para viaxes por Galicia e España, levouno a unha etapa de moitas horas de traballo na que a súa muller soportou o indecible para sacar aos seus 5 fillos adiante.
"Só puiden acompañar á miña muller no nacemento do meu fillo maior, porque estaba pola zona coa Banda de Música de Silleda e púidenme achegar ao hospital, co permiso dos músicos que esperaron con paciencia o meu regreso", recoñece.
Os seguintes anos foron de paixón polo seu traballo, coa visión de que para crecer a única forma era a de "ofrecer un servizo de calidade, coa máxima seguridade" e a través da compra de pequenas empresas da zona, chegando a adquirir 12 empresas. Tamén apostou pola construción de instalacións propias onde poder realizar os labores de mantemento de todos os vehículos.
Participou na primeira asociación de transportes da democracia (Servicar) con sede en Vigo. Posteriormente foi o promotor e primeiro presidente da Asociación Pontevedresa de Transporte en autobús (APOTRANS). Tamén foi vicepresidente da Federación Galega de Transporte en autobús (FEGABUS).
Persoa inquieta e sempre con proxectos e ideas na cabeza, nos últimos anos uno dos seus obxectivos foi a creación dun pequeno museo coa historia da empresa en Silleda e coa dirección do seu irmán Manolo restauraron 11 autobuses e 3 camións, moitos deles circularon polas estradas galegas conducidos por eles mesmos e que agora se poden gozar nos numerosos eventos e concentracións aos que son convidados.
Relacionadas:
-
O transporte escolar de Poio supera con éxito todos os controis
Por Oskar Viéitez |
-
Carlos Conde e Send2Me Last Mile, gañadores dos premios anuais de AJE Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
AJE presenta a Xunta e Deputación os detalles dos seus premios anuais
Por Redacción |
-
Os novos empresarios de Pontevedra convocan nova edición dos seus premios anuais
Por Alejandro Espiño |