'Os de +60 contamos', unha actividade para reivindicar ás persoas maiores
Por Mónica Patxot
Cun acto conmemorativo, Afundación celebraba este luns en Pontevedra o Día Internacional das Persoas Maiores, instituido pola ONU en 1990. Nesta ocasión, o lema escollido era "Camiñando cara ao futuro. Aproveitando os taletos, as achegas e a participación das persoas maiores na sociedade".
Desta forma, instalouse un mosaico na sede da praza de San Xosé coa lenda "Os de +60 contamos. O valor da experiencia" coa intención de facer visible a necesidade de incorporar novas perspectivas sobre o envellecemento e aproveitar o enorme caudal de talento e experiencia, superando as barreiras que dificultan a súa participación social plena.
Un total de 30 de cada 100 galegos superan os 60 anos e no ano 2031 representarán o 39% da poboación. Socialmente estes datos ven como unha ameaza desde a perspectiva do impacto económico nos sistemas públicos de pensións, na sanidade ou na atención á dependencia. Con todo, a coordinadora da área de Envellecemento activo de Afundación, Sabela Couceira, indica que non se ten en conta a contribución social, cultural e económica deste sector da poboación.
Desta forma o Instituto Galego de Estatística (IGE), do Instituto Nacional de Estatística (INE) ou o barómetro do CIS mostran que máis do 40% dos maiores axudaron economicamente a algún familiar nos últimos dous anos e nun 33% dos fogares galegos os ingresos principais corresponden a unha persoa de máis de 65 anos.
Ademais, unha de cada tres persoas de 55 a 79 anos axuda no coidado dos seus netos e máis do 20% dos maiores de 65 anos realizan traballos voluntarios e dan apoio a outras persoas.