Detidos dous irmáns en Poio por lesións e ameazas a un veciño
Por Redacción
A Garda Civil detivo dous irmáns en Poio, acusados dun presunto delito de lesións e ameazas.
Segundo informa o instituto armado, ambos terían agredido violentamente un veciño, ao que acusaban de subtraer 190 euros á súa nai.
Os feitos remóntanse a días atrás, cando a nai dos detidos aseguroulles que lle roubaran a súa carteira no interior dun supermercado do municipio. Ante as sospeitas de quen era o autor, os fillos acudiron ao seu domicilio para esixirlle a devolución do diñeiro.
Os dous irmáns, de 28 e 29 anos de idade e que responden as iniciais de C.A.L. e JL.A.L., presentáronse na casa deste veciño cunha actitude belixerante, explica a Garda Civil, provocando unha acalorada discusión pese que o seu veciño negou en todo momento os feitos.
A discusión tería finalizado nunha agresión violenta, segundo reflectiu na denuncia a persoa agredida.
A consecuencia dos golpes recibidos, esta persoa, que en primeira instancia recibiu asistencia médica no Hospital de Montecelo, tivo que ser derivada ao Hospital Universitario de Santiago de Compostela para ser intervido cirurxicamente dunha fractura no malar esquerdo.
A detidos acúsaselles dun presunto delito de lesións e tamén doutro por ameazas, xa que cando foron requiridos pola Garda Civil, a pesar de que negaron ser os autores da agresión, aseguraron que se non lles devolvía o diñeiro volverían pola súa casa para darlle unha malleira e queimarlle a vivenda.
Os dous arrestados teñen antecedentes policiais por distintos delitos contra as persoas. Foron postos a disposición do xulgado de instrución número 1 de Pontevedra, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.