Ponte Sampaio despide o seu párroco cunha gran festa popular
Por Redacción & Diego Torrado
Despois de 12 anos como responsable da parroquia de Ponte Sampaio, José López Moldes foi trasladado a outra congregación, en Bueu.
Por ese motivo, e para agradecerlle o seu servizo e proximidade, os que foron os seus fregueses e veciños durante estes anos quixeron despedilo cunha gran festa popular.
Música de gaitas, comida e bo ambiente centraron a homenaxe este sábado, carpa incluída, ante o templo de Ponte Sampaio, tras dirixir a súa última cerimonia eclesiástica na parroquia.
López Moldes recibiu o agarimo dos veciños e tamén dos fregueses das outras congregacións que dirixía, en Bértola, Figueirido e A Canicouva.
O sacerdote recibiu ademais con emoción un detalle de recordo, un cadro cunha figura de prata representando a ponte romana que atravesa o río Verdugo.