Música e poesía para unha 'visita singular' ao cemiterio de Santa Mariña de Dozo
Por Redacción
O icónico cemiterio de Santa Mariña de Dozo, en Cambados, serviu este sábado como punto de inicio do programa 'Visitas singulares Rías Baixas: Cemiterios históricos' que impulsa a Deputación de Pontevedra.
A música e a poesía foron protagonistas dunha xornada na que participaron a presidenta provincial, Carmela Silva, ou a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, entre outros.
O percorrido, guiado polo historiador Manuel Núñez, foi de balde e permitiu coñecer este recinto, declarado Monumento Histórico Artístico desde 1943 e incluído na Asociación de Cemiterios Singulares de Europa.
No seu interior atópanse as ruínas dun antigo templo do século XV de estilo "gótico mariñeiro", no que se poden contemplar os seus arcos e esculturas con representacións de escenas bíblicas.
Durante a visita o grupo Cómplices realizou unha pequena actuación musical no camposanto, previa ao concerto 'Craves líricas' que estaba anunciado no Auditorio de Cambados, nun recordo musical e poética de Val Inclán.
O compositor Teo Cardalda, que musicou once poemas do escritor, ofreceu un breve recital ante a lápida que lembra ao fillo de Val Inclán.
As 'Visitas singulares Rías Baixas: Cemiterios históricos' terán continuidade en próximas datas con rutas programadas no Cemiterio dos Ingleses en Vilagarcía de Arousa, o de Arcos de Furcos en Cuntis ou no de San Amaro en Pontevedra, ademais dos de Pereiró en Vigo e Eidos en Redondela.
Relacionadas:
-
Protagonismo literario nas visitas guiadas programadas por tres cemiterios singulares
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía Local pon en marcha un operativo de tráfico nos camposantos
Por Oskar Viéitez |
-
Este sábado en Cambados comezan as 'Visitas singulares' con percorridos por seis cemiterios
Por Redacción |