Os Bombeiros de Pontevedra excarceran dúas persoas nun accidente en Cerponzóns
Por Redacción
Ao redor das 17.30 horas deste venres, un vehículo saía da vía na estrada N-550 na zona de Cunchidos, nas proximidades do campo de fútbol de Chan do Monte, na parroquia pontevedresa de Cerponzóns.
Segundo a información facilitada polos Bombeiros de Pontevedra, o vehículo circulaba en dirección a Santiago cando, por causas por determinar, o condutor perdeu o control do vehículo que cruzou a calzada e saía da vía polo outro carril, quedando sobre un noiro lateral.
Os Bombeiros de Pontevedra foron alertados ao tratarse dun accidente con atrapados. Unha dotación trasladouse cara á zona onde excarcerou os dous viaxeiros do vehículo, un home e unha muller, que foron trasladados a un centro hospitalario.
Ata o lugar desprazouse unha dotación da Garda Civil de Tráfico e unha ambulancia medicalizada.