Cerdedo-Cotobade deseña dous parques forestais para Tomonde e Coirego
Por Redacción
Unha achega de 24.672 euros, por parte da Deputación, servirá para que o Concello de Cerdedo-Cotobade avance no deseño de dous parques forestais no municipio: o de Tomonde, con 197 hectáreas, e o de Coirego, con máis de 65 hectáreas.
A proposta da creación dos parques forestais deféndese por ter o terreo un importante potencial de cara a un uso multifuncional no que se destaquen os valores ambientais, paisaxísticos, edafolóxicos, forestais, culturais e sociais da zona.
Os dous proxectos terán un apartado específico de medidas encamiñadas á protección contra os incendios forestais.
Concibiranse como zonas resistentes fronte aos incendios ao eliminarse especies como o eucalipto, a acacia ou a mimosa, e potenciarán as frondosas de folla caduca existentes, reducirán densidades mediante clareos, crearán devasas perimetrais e tamén áreas cortalumes, así como, onde sexa posible, instalarán unha rede de puntos de abastecemento de auga para a extinción de incendios forestais.
Así mesmo, a planificación multifuncional para o aproveitamento do monte, con actividades deportivas, educativas e turísticas xunto coa produción de cogomelos, castañas ou en base ao gando, tamén funcionará como medida preventiva por si mesma.
O parque forestal de Tomonde contará cunha superficie aproximada de 197 hectáreas nas que a parte arborizada está formada por especies como o piñeiro, carballos, bidueiro ou o abeto, entre outras.
Estas árbores conforman a día de hoxe unha paisaxe fermosa e en altura que permite unhas boas vistas cara os vales formados polo río Umia e Lérez, sendo posible dende o alto do Monte da Lagoa verse a ría de Pontevedra, o que podería dar lugar a futuros miradoiros.
Na proposta de proxecto tamén se contempla un área recreativa de baño e esparexemento aproveitando os nacentes de auga existentes e a orografía de terreo, xa que na zona hai unha vía asfaltada en boas condicións que permitiría facilmente o acceso.
Plantéxase, así mesmo, unha zona de autocaravanas e un punto de encontro para inicio de futuras rutas de sendeirismo, bicicleta de montaña, recolleita de setas, roteiros a cabalo, 'xeocaching', zona de control de avións e drons ou actividades en globo aerostático.
Destacan como elementos singulares dentro da superficie do parque as Eiras dos mouros, o Outeiro da Cruz, o Santo da Porteliña, ou os restos castrexos de diferentes épocas e mámoas nas partes máis altas do monte, polo que a mellora das condicións deste, destacan os promotores, "actuaría como elemento dinamizador e recuperador do patrimonio, establecéndose rutas e sinalización específicas con información cultural da zona".
Cara a unha multifuncionalidade do monte, a redacción do proxecto contemplará o silvopastoreo existente e a plantación de cogomelos, xa ben mediante o aluguer da explotación do monte a empresas ou asociacións, ou ben para a promoción de visitas guiadas ou o establecemento dun couto micolóxico. Tamén se prevé, por outra parte, a plantación de castiñeiros pola súa madeira de calidade e a produción de froito e tamén de cogomelos, sendo rendible mesmo en pequenas explotacións.
O parque de Coirego abranguerá 65 hectáreas. A intención é poñer en valor unha superficie na que existe unha malla de camiños e sendeiros que une nodos de especial valor que se integran na totalidade do monte de xeito natural. Nestes momentos, este espazo é moi utilizado como área de lecer para camiñantes e deportistas, sobre todo de ciclismo de montaña.
Proponse dividir a actuación no monte en diferentes mouteiras, sendo a máis destacada a da área recreativa Chan das latas, onde se pretende habilitar un punto de acollida de visitantes cun bebedoiro e mesas, que estará a carón dos petróglifos e a mámoa existentes e catalogados. Por outra parte quérese poñer en valor o xacemento arqueolóxico de Cruz de Castro, onde se atoparon restos dun castro de orixe romana ou prerromana, así como outros valores de tipo etnográfico como un muíño de vento e outro de auga.
Dende o punto de vista paisaxístico, este lugar ofrece unhas magníficas vistas do val, polo que se pretende unha eliminación de eucaliptos e acacias e a rexeneración e plantación de frondosas para o enriquecemento da zona.
Máis propostas para este monte son potenciar unha pequena área recreativa vinculada á 'casa do cazador' situada na carballeira de Don Elías para celebrar actividades vinculadas ao medio natural dentro da propia construción, tales como obradoiros, charlas, campamentos de verán ou outras iniciativas, que tamén poderían estar vinculadas a unha zona de mesas de pedra.
Finalmente, entre outras actuacións noutras mouteiras, quérese potenciar o uso social da zona da Poza de Coirego, unha charca de montaña onde tamén está o observatorio astronómico de Cotobade, creando unha zona de recepción de visitantes, e coa a instalación de fontes, mesas, sinalización e colectores.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade mellora a súa oferta turística co acondicionamento de roteiros de Rede Natura
Por Redacción |
-
Última oportunidade para crear parques forestais nos montes da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación reedita o seu plan para abrir os montes ao público
Por Oskar Viéitez |
-
Concello, Universidade e comuneiros alíanse para crear devasas vexetais nos montes de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación concederá unha axuda para crear o parque forestal Miradoiro de Cotorredondo
Por Redacción |
-
A Deputación abrirá unha segunda convocatoria para crear parques forestais nos montes da provincia
Por Oskar Viéitez |