"O novo turista aprecia máis a calidade de conexión do wifi que un bo almorzo"
Por Oskar Viéitez
Un centenar de empresas turísticas, provedores dixitais e profesionais do sector interesados en coñecer os cambios que se están producindo no sector turístico a nivel global participaron no Encontro Profesional "Innovación e Transformación dixital do turismo" que o Clúster Turismo de Galicia en colaboración coa Deputación de Pontevedra celebrou este mércores no Real Club Náutico de Sanxenxo.
A importancia da cooperación para mellorar a conectividade e os servizos dixitais que se ofertan aos turistas, o big data e a internet das cousas como novidades tecnolóxicas que son xa o presente para un sector turístico onde o viaxeiro 3.0 demanda servizos adaptados ás súas novas necesidades ou a implantación de novas tecnoloxías que permiten a personalización, fidelización e mellora dos servizos turísticos foron algunhas das principais conclusións que se extraeron.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Francisco González, durante a apertura da xornada, destacou que o novo turista "aprecia máis a calidade de conexión do wifi que un bo almorzo, e iso témolo que ter en conta".
Durante este encontro profesional Luís Soldevila, CEO de Brandmanic asegurou que "os influencers convertéronse nas novas guías de viaxes. O feito de que conten a súa experiencia en primeira persoa achega un punto de vista de proximidade e credibilidade do que carecen os folletos de viaxes".
Segundo este experto, nas campañas de márketing do sector turístico nas que interveñen influencers a media de retorno do investimento é de 1 a 10. Así, por exemplo, unha campaña que invista 20.000 euros, o retorno sería duns 200.000 euros.