O persoal dos hospitais públicos, convocado a unha folga en novembro ante a perda de poder adquisitivo
Por Redacción
Este xoves concentrábanse diante do Hospital Provincial e do Hospital Montecelo profesionais da área sanitaria para reclamar melloras retributivas e laborais, ademais da carreira profesional. Piden unha mesa de negociación e un calendario por parte do Sergas.
Xermán Rouco, secretario da Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra, manifestaba que queren reivindicar, entre outras cuestións, os acordos retributivos que se manteñen paralizados desde 2008, reclaman o acordo salarial de atención primaria e o pago do 100% en caso da incapacidade laboral transitoria, recollido no estatuto de persoal sanitario e non sanitario.
Ante esta situación, representantes dos sindicatos CC.OO., CIG, CSIF, SAE, SATSE e UXT queren unha negociación co Sergas que permita ao persoal dos centros hospitalarios evitar a perda de poder adquisitivo que se sitúa nunha media de ao redor do 20% durante os últimos anos. Sinalan que hai traballadores que desde a crise económica perderon sobre 4.000 euros anuais ao non mellorar as súas condicións salariais.
Xermán Rouco afirmaba que é necesario que os traballadores apoien a folga prevista para os días 2 e 3 de novembro na sanidade pública galega e facía un chamamento á cidadanía porque é necesario que os traballadores se atopen motivados para un mellor funcionamento da actividade nos hospitais. Desde os sindicatos entenden que a liña que está a seguir o goberno de Núñez Feijóo vai encamiñada a acabar, a través da vía das privatizacións, cun sistema público sanitario que funcionaba ben, segundo Rouco.
O vindeiro xoves 25, os sindicatos volverán convocar unha nova concentración ante as portas dos hospitais públicos.