Sanxenxo retransmitirá os plenos por internet e renovará a súa páxina web
Por Redacción
A partir de novembro os plenos da corporación municipal de Sanxenxo emitiranse por streaming, o que permitirá a retransmisión en directo das sesións a través dunha canle de YouTube. Así o anunciou o edil de innovación e promoción económica, Rafael Domínguez.
O goberno municipal ordenou a instalación de catro cámaras no salón de plenos que gravan desde diferentes ángulos e permiten unha visión completa do salón e a dotación do material necesario para procesar os vídeos, de forma que poidan subirse á rede e retransmitirse cun atraso de non máis de 20 segundos.
Esta medida cumpre cunha moción presentada polo concelleiro non adscrito Roberto Agís, que foi apoiada polo grupo da oposición naquel momento, o Partido Popular.
A gravación dos plenos facilitará tamén o traballo ao servizo de secretaría do Concello, pois poderán utilizar os vídeos como instrumento para redactar as actas das sesións.
A primeira retransmisión do pleno de novembro será unha proba do servizo, xa que, debido á lentitude de conexión a internet nas dependencias municipais, pode haber problemas puntuais na emisión.
Nese sentido, o goberno traballa para mellorar a velocidade de navegación por internet nos edificios municipais. A concellería de innovación ultima a redacción dun prego de cláusulas para a contratación dun servizo da internet e telefonía coa velocidade que corresponde a unha rede de fibra óptica.
O Concello tamén mellorará o deseño da súa páxina web, apostando por unha páxina máis moderna, máis accesible, máis limpa e fácil de usar, que inclúa textos máis breves e fotos que recollan toda a variedade paisaxística e patrimonial de Sanxenxo.
Ademais, búscase que facilite a realización dos trámites administrativos evitando os desprazamentos e axilice os procesos burocráticos, sendo tamén unha ferramenta útil para comunicar as necesidades e deficiencias en calquera parte do termo municipal.