O porto de Marín presenta os seus servizos para froita e hortalizas nunha feira internacional
Por Redacción
A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra está a presentar desde este mércores e ata o vindeiro venres na feira Fruit Attraction de Madrid a súa oferta de servizos para froita e perecedoiros, unha das mercadorías que máis crecen ano a ano no porto.
O porto de Marín ofrece o mellor tempo de tránsito do sector contando con conexións regulares directas co continente americano que o converten en porto hub para a recepción e distribución no Arco Atlántico. Conta ademais con servizos feeder que conecta Marín con todo o mundo a través do porto de Alxeciras.
En canto a infraestruturas, dispón dunha terminal de froita a pé de peirao con capacidade de almacenamento frigorífico para 5.000 pallets, 6 peiraos de carga, 8 cámaras frigoríficas, 1.000 metros cadrados climatizados para clasificación e distribución, conexións reefer, 5.000 metros cadrados de chaira contigua, ademais de 520 metros de atracada en dous peiraos, así como cunha terminal de colectores con 500 metros lineais de atracada, máis de 500 conexións reefer, guindastres Panamax e Post-Panamax e unhas modernas e áxiles instalacións de PIF.
O porto dispón de conexións terrestres coa rede nacional de autoestradas e autovías e ofrece un servizo 24 horas os 365 días do ano.
Marín participará en Fruit Attraction xunto a máis de 1.500 empresas expositoras. Está previsto que asistan ao recinto do Ifema en Madrid, 60.000 profesionais do sector procedentes dun centenar de países.