Arranca en Bueu a campaña resíduo mínimo cunha charla sobre compostaxe
Por Redacción
O Concello de Bueu inicia este xoves a formación para as familias participantes no programa de compostaxe individual "Residuo Mínimo no Morrazo" desenvolvido pola Mancomunidade do Morrazo e a Asociación Ecoloxista Amigos da Terra. Con este programa, as 50 familias da vila que decidiron participar coñecerán como empregar os seus composteiros para obter a partires da fracción orgánica dos seus residuos urbanos un abono de calidade.
Na sesión formativa, que terá lugar no Centro Social do Mar, explicarase o procedemento para iniciar o proceso da compostaxe, os mellores métodos para a súa elaboración e as precaucións a ter en conta sobre os distintos elementos compostables, e resolveranse as dúbidas que poidan ter as familias participantes no proxecto, ás que tamén se lles fará entrega dun manual de compostaxe.
Ademais da compostaxe individual, outro reto da campaña é o de reducir os residuos de envases da mancomunidade, que constitúen preto do 20% do total, a maioría dos cales poderían ser reintroducidos no ciclo, o que suporía un aforro económico para os concellos.
Por esta razón, outra liña de traballo clave desde o comezo da campaña é a información a pé de rúa, e por iso estiveron xa presentes o pasado mes de xuño durante o mercado ecolóxico e artesanal que se celebrou na vila morracense.
Ademais, para incluír ao público infantil, elaborarase un programa educativo que achegará aos centros de ensino públicos un catálogo de recursos didácticos adaptados aos distintos niveis educativos. Estas propostas terán como obxectivo facilitar nas aulas o traballo e a reflexión sobre as problemáticas asociadas á xeración e xestión dos residuos que producimos no noso actual modo de vida e consumo, así como a promoción de alternativas que promovan a sustentabilidade ambiental e o consumo responsable.