Rescatan un home cunha discapacidade que se perdera este luns en Marcón
Por Redacción
Durante as últimas horas, o lugar de Vilafranca na parroquia pontevedresa de Marcón viuse alterado pola desaparición, este luns 16, dun veciño de 67 anos que sofre unha discapacidade. O home abandonara o fogar vestido cun pixama e levaba de calzado unhas zapatillas.
Tras a alerta da familia, efectivos da Policía Local, da Policía Nacional e de Protección Civil, axudados tamén por un helicóptero, tentaron localizar o home. Mesmo se organizou unha batida por parte dos veciños para poder dar co seu paradoiro.
Finalmente, este martes ao redor das 16.00 horas, o veciño de Vilafranca foi localizado con vida nun arroio, nunha zona próxima ao seu domicilio e de difícil acceso, segundo a información facilitada pola Policía Local.
Aparentemente non sufría feridas de gravidade e foi trasladado a un centro de saúde para realizarlle unha revisión médica.