Sanxenxo fai un inventario dixital de todas as vías municipais
Por Redacción
Coñecer exactamente cantos quilómetros de pistas e viarias municipais ten Sanxenxo. É o obxectivo do traballo que está a realizar a empresa empresa Laya Gestión y Servicios S.L para o goberno municipal.
O traballo, orzado en 21.200 euros, concluirá coa redacción dun inventario municipal de viarios e a implantación no Concello da aplicación informática para a súa completa dixitalización.
A empresa fixo durante estes meses un traballo intenso de campo, nos que percorreu todos e cada un dos viarios municipais, facendo medicións, comprobando o estado do chan, os seus accesos, os servizos dos que dispoñen e tomando fotografías dos mesmos desde diferentes perspectivas.
Para este labor dividíronse os 44 quilómetros cadrados do municipio en 68 planos e marcáronse cada un dos viarios cunha nota explicativa sobre o motivo de inclusión ou exclusión do mesmo no inventario. Detectáronse, polo momento, 843 viarios de titularidade municipal.
Sanxenxo estima que, en total, non serán menos de 120 quilómetros de vías de propiedade municipal. A parte están as estradas de titularidade, autonómica e provincial.
Unha vez realizado este traballo de campo, a información estará nunha aplicación informática que permita a dixitalización da información e o fácil acceso aos datos, evitando continuas procuras e consultas a expedientes, xa que a aplicación permite a incorporación, á ficha de cada un dos viarios, de documentación escaneada.
Nas próximas semanas farase unha exposición pública co resultado do traballo para abrir un período de alegacións e consultas, que unha vez estudadas, e aceptadas ou desestimadas, engadiranse ao traballo actual, para a súa aprobación definitiva.
Posteriormente farase unha modificación puntual do PXOM que incorpore toda esta nova información e con isto o Concello pretende poñer fin á inseguridade xurídica que supón non ter definida a titularidade dos viarios, descoñecéndose nalgúns casos se se trata de viarios públicos, privados ou servidumes.
Tras este primeiro paso, o goberno municipal tamén quere realizar unha análise exhaustiva dos bens dos que dispón o Concello.