O servizo de Farmacia do CHOP premiado pola aplicación informática "Pharmasuite"
Por Redacción
O servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de ser galardoado na I edición dos Premios Rovi polo desenvolvemento da aplicación informática "Pharmasuite" que permite xestionar integralmente a farmacotecnia e a elaboración de medicamentos para pacientes con procesos agudos ou crónicos nun único soporte electrónico.
Estes galardóns, que contan co aval da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria (SEFH), buscan recoñecer aqueles proxectos que achegan unha solución innovadora promovida en favor da saúde e apoiar o talento investigador. Xunto co Consorci Hospitalari de Vic e o Hospital Universitario de Santiago de Compostela, o complexo pontevedrés recibirá a dotación económica de 5.000 euros polo desenvolvemento desta aplicación dirixida a mellorar a elaboración de medicamentos.
En concreto, o proxecto desenvolto polo equipo de profesionais de Farmacia Hospitalaria da área sanitaria de Pontevedra ofrece toda a información do proceso de elaboración e control de calidade nun único soporte electrónico, no cal tamén se inclúe a identificación e o grao de responsabilidade do persoal sanitario implicado, os lotes e boletíns de análise de materias primas, os protocolos normalizados de traballo de elaboración, lotes de preparacións e os pacientes aos que vai destinada a dita preparacións, así como os prospectos da mesma ou fórmula a dispensar.
O xefe de servizo, o doutor Carlos Crespo Diz, destaca así que, grazas a esta aplicación, "se garante a trazabilidade de todo o proceso de elaboración, dende o rexistro e validación de materia prima, ata a validación e control de calidade do fármaco finalizado".