Unha sinxela manobra que pode salvar vidas
Por Redacción
Pontevedra sumouse este luns 16 de outubro á celebración do día europeo de concienciación do paro cardíaco. Fíxoo con talleres de reanimación cardiopulmonar (RCP) que se impartiron no hospital Quirónsalud Miguel Domínguez e nos hospitais públicos de Montecelo e o Provincial.
Os talleres en Quirónsalud estiveron coordinados pola Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do hospital. Os protagonistas foron empresarios do comercio e a hostalería de Pontevedra e veciños a título particular. A práctica realizouse na entrada principal do hospital.
Para os talleres dirixidos a empresarios, que continúan mañá nunha nova sesión ás nove da mañá, inscribíronse un total de 30 profesionais.
Profesionais da UCI do CHOP, pola súa banda, mostraron a manobra básica de RCP a todas aquelas persoas que quixeron coñecer como salvar unha vida, en caso de parada cardíaca.
Esta iniciativa, na que participou unha ducia de profesionais sanitarios, tiña como finalidade instruír á poboación xeral nunha técnica de reanimación cardiopulmonar de calidade, dar a coñecer a manobra correcta que debe empregarse ante un paro cardíaco e concienciar de que, seguindo unha serie de pasos sinxelos, "todos somos capaces de salvar unha vida".
O taller levado a cabo no Hospital Montecelo desenvolveuse baixo a supervisión de seis facultativos, unha enfermeira e unha estudante de 6º de Medicina, e coa posibilidade de poñer en práctica o aprendido en catro manequíns de paciente adulto.
Por outra banda, no Hospital Provincial o obradoiro estivo máis centrado na aprendizaxe da reanimación cardiopulmonar en casos pediátricos.
Durante a xornada de mañá, dous facultativos da UCI e dous pediatras do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra achegaranse ata a praza da Ferrería para continuar coa ensinanza da manobra básica de RCP nun taller organizado en colaboración con outras entidades e institucións.