Moito ollo coa velocidade ao volante durante esta semana!
Por Redacción
Dende este luns, 8 de abril, Tráfico comeza unha nova campaña de control de velocidade que vai incidir maioritariamente nas estradas convencionais e nas vías urbanas. O obxectivo destes controis é reducir a velocidade media neste tipo de vías, diminuír os niveis observados de excesos de velocidade e concienciar os condutores das consecuencias da velocidade inadecuada que adoitan derivar en accidentes de ámbito urbano e interurbano, con numerosos atropelos de peóns.
A Delegación do Goberno explica que a campaña se desenvolverá dende o día 8 ata o 14 de abril, sendo coordinada polo Centro de Coordinación de Tráfico en Galicia e os xefes de subsectores das catro provincias, os cales confeccionaron conxuntamente os percorridos a desenvolver para que o número de vehículos controlados sexa maior que o de campañas de anos anteriores.
Estes controis queren incidir na potenciación do efecto pedagóxico do significado e consecuencias da velocidade na sinestralidade viaria. A incompatibilidade entre o alcohol e a condución, así como o uso do cinto de seguridade e do casco non son cuestionados. Non obstante, a consideración da velocidade como factor de risco non adquiriu o mesmo nivel de aceptación entre os condutores, e iso a pesar de que no 24% dos accidentes mortais en vía interurbana se apreciou a velocidade como factor concorrente.
Esta falta de conciencia sobre a repercusión da velocidade nas consecuencias dos accidentes é aínda máis xeneralizada no ámbito urbano.
A DGT tratará de advertir aos condutores da existencia próxima dos controis, tanto en paneis de sinalización variable coma nas pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil nas inmediacións destes.