Pontevedra celebra o día internacional do pobo xitano
Por Redacción
Con motivo da celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, o Concello de Pontevedra en colaboración coa Fundación Secretariado Xitano levarán a cabo unha serie de actividades que teñen como finalidade reclamar a cidadanía dos xitanos tanto de España como cidadáns de pleno dereito na Unión Europea.
O 8 de abril é a data na que se celebrou o congreso xitano no ano 1971 en Londres e alí se estableceron dous dos seus símbolos: a bandeira e o himno. A designación desta xornada como Día Internacional do Pobo Xitano desenvolveuse no congreso internacional de Varsovia durante o ano 1990.
As actividades previstas serán culturais e deportivas, cun encontro de fútbol-sala ás seis da tarde dean o pavillón anexo ao E.E.I. Fina Casalderrey entre os usuarios e técnicos da Casa Azul e da Fundación Secretariado Xitano. Tamén se desenvolverán actividades de sensibilización en varios centros educativos da cidade. Ademais, dúas exposicións recollerán aspectos relacionados con esta cultura, a mostra Mulleres xitanas participando na Casa Azul e Culturas para compartir no IES Torrente Ballester.