A Xunta destinará axudas á rehabilitación de vivendas no Camiño Portugués
Por Redacción
A Xunta de Galicia destinará máis de 2,9 millóns de euros ás axudas de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas no marco da área de rehabilitación integral dos camiños de Santiago, tal como aprobou o Consello da Xunta do pasado 11 de outubro.
Na área de Pontevedra pódense beneficiar destas axudas as vivendas emprazadas nas parroquias polas que transcorre o Camiño Portugués nos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Barro, Portas, Soutomaior, Caldas de Reis, Valga e Pontecesures.
Nas zonas de carácter rural o ámbito da área de rehabilitación comprende a totalidade da parroquia, de maneira que todas as vivendas da mesma que cumpran os requisitos poden beneficiarse das axudas establecidas. Nas zonas urbanas o ámbito da ARI restrínxese ao trazado do camiño.
Poderán beneficiarse destas axudas as comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean emprazadas no ámbito da ARI dos camiños de Santiago e estean en posesión da correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.
O importe máximo da axuda será de 15.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán de financiamento estatal e non poderán superar máis do 35 por cento do orzamento e 4.000 de financiamento autonómico, co límite do 10 por cento do orzamento.
Actualmente está aberto o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de 2017, realizada no pasado mes de xuño cunha dotación de 2,9 millóns de euros. As solicitudes para a convocatoria deste ano poderán presentarse ata o 30 de novembro de 2017 e as da convocatoria de 2018 despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, prevista para o próximo mes de decembro.