A ampliación da terminal de colectores permitirá dobrar a capacidade dos barcos que recibe o porto
Por Oskar Viéitez
O porto de Marín ten prevista a ampliación do seu terminal de colectores nuns 12.000 metros cadrados o que permitirá a chegada de buques de 4.000 unidades de carga. A día de hoxe os barcos que recibe o porto son de 2.000 TEUs, que é a unidade de medida de capacidade de transporte marítimo en colectores.
Trátase do terreo sometido a litixio xudicial por un recheo declarado ilegal polos tribunais e que ata agora estaba ocupado polos eólicos.
O porto resolveu dar unha autorización provisional a Pérez Torres que está pendente de asinar coa naviera danesa Maersk un contrato de maior envergadura que o actual e que incluiría novos tráficos máis aló da carga seca.
Por este motivo xa adaptou as súas instalacións con máis de 500 conexións eléctricas para acoller colectores refrigerados que son os que emprega a pesca conxelada. Pero como necesita máis superficie tamén negocia co Grupo Nogar para poder ocupar unha parte da súa concesión.
A estratexia de crecemento da concesionaria da terminal marinense tamén inclúe unha oferta para captar tráficos da naviera italiana de MSC.
Ademais nos últimos meses Pérez Torres incorporou un guindastre Post-Panamax, diversa maquinaria destinada á manipulación de colectores, unha zona de pre-trips, unha área para o lavado e reparación de colectores e a implementación de básculas VGM.
Ante estes movementos a Autoridade Portuaria da Ría de Pontevedra tamén puxo en marcha a ampliación do seu posto de inspección fronteirizo (PIF) para aumentar a súa capacidade ante o crecemento continuo de mercadorías "co obxectivo de manter a axilidade operativa". Aínda que un dos aspectos que fai máis atractivo ao porto de Marín é que aquí a man de obra da estiba custa a metade que a de Vigo, a maiores Termarín ampliou o seu horario de portas de 7 a 21.00 horas ininterrompidamente, mellorando tamén sobre as posibilidades que ofrece Guixar.
Así que ante a expectativa da chegada de novos buques a empresa Amar Marín acaba de estrear un novo remolcador o "A. Alonso" de 31 metros e cunha capacidade de tiro de 75 toneladas. Ademais de remolcador, este buque fabricado nos estaleiros de Nodosa en Marín, é tamén subministrador e abastecedor doutras embarcacións.
Relacionadas:
-
Catro buques coinciden este xoves en Marín descargando peixe conxelado
Por Redacción |
-
Marín move máis de 118.000 toneladas de froita ao ano a través do seu porto
Por Redacción |
-
Un millón de toneladas en seis meses
Por Redacción |
-
O crecemento do tráfico do porto de Marín obriga a ampliar o posto de inspección fronteirizo
Por Redacción |
-
O porto de Marín incorpora un novo remolcador para ampliar os seus servizos a buques
Por Redacción |
-
O Porto de Marín financiará as obras de mellora da liña ferroviaria Redondela-Arcade
Por Redacción |