Ponte Caldelas axuda ás familias en risco de exclusión con vales para mercar produtos hixiénicos e alimentos
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de aprobar unha partida total de 7.000 euros para que as familias en risco de exclusión social poidan adquirir produtos hixiénicos persoais e domésticos, así como alimentos. O programa desenvolverase ao longo deste mes de outubro e do próximo mes de novembro.
Dende o comezo do actual mandato municipal as partidas sociais, e moi especialmente a de emerxencia social, se teñen dobrado.
Os produtos alimenticios contan cunha previsión de 5.000 euros, que serán repartidos en vales de 100 euros cada un polos servizos sociais de Ponte Caldelas. Os vales son canxeables nun supermercado local. As familias poden mercar aquilo que precisen, sen limitacións no tipo de alimentos, exceptuando alcol ou comida ou produtos para mascotas. Por outra banda, os produtos hixiénicos persoais ou para a limpeza do fogar contan cunha partida municipal de 2.000 euros.
Esta iniciativa municipal, que permite o acceso a alimentos frescos ou conxelados, ademais dos produtos hixiénicos é un complemento aos alimentos envasados non perecedoiros que se reparten a principios de ano no marco da adhesión de Ponte Caldelas ao Plan Europeo de Axuda a Persoas Necesitadas (Fondo Social Europeo). Este operativo superou na última edición os 4.000 quilos.
As familias deben solicitar a axuda nos servizos sociais municipais, entregar a documentación requirida para a valoración social e posterior concesión, sempre e cando cumpran co establecido no baremo económico para a concesión de axudas de emerxencia social, aprobado por resolución de Alcaldía.
O horario de atención ao público é de 9.00 a 14.00 horas, de luns a xoves.
Relacionadas:
-
O goberno de Ponte Caldelas alerta de que só 2 de 90 afectados polos incendios poderán cobrar axudas
Por Redacción |
-
Oito anos de abandono do "edificio pantasma" da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas reparte fichas para as festas entre familias sen recursos
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para solicitar axudas para libros de texto en Ponte Caldelas
Por Redacción |