Sanxenxo dispón dun ano de prazo para revisar os solos urbanizables suspendidos
Por Redacción
A suspensión das licenzas nos 30 solos urbanizables, aprobada no pleno de setembro, obriga á concellería de urbanismo a traballar coa máxima axilidade tendo en conta, por unha banda, a magnitude da tarefa e, por outro, o feito de que a nova ordenación terá que estar aprobada inicialmente, como máximo, nun ano a partir de que a suspensión sexa publicada no BOP.
Os 30 solos urbanizables contemplados no Plan Xeral de Ordenación de Urbanismo (PXOM) suman un total de 257 hectáreas, o 5,5% do total do termo municipal, que ten 4.400 hectáreas. Das 257 hectáreas o PXOM reserva 28 hectáreas para zonas verdes e 13 hectáreas máis para acoller equipamentos públicos.
Os solos urbanizables suman unha edificabilidade máxima de 130 hectáreas nas que se poderían facer un máximo de 6.914 vivendas. Do total 85 hectáreas corresponden a uso residencial e 45 hectáreas a uso industrial (parque empresarial de Nantes). O 10% da edificabilidade total, é dicir, 13 hectáreas nas que se poderían facer un máximo de 691 vivendas, son de cesión obrigatoria ao Concello.
Todas estas cesións de zonas verdes, equipamentos públicos e edificabilidade para o Concello son o que realmente diferencia o PXOM de 2003 das normas urbanísticas aprobadas en 1990 que non contemplaban a obrigación dos promotores de ceder unha parte significativa do chan para desenvolver para uso público. Se fose así os núcleos urbanos de Sanxenxo terían viarios máis anchos, máis espazo para aparcadoiro, para zonas verdes e equipamentos públicos.
Catorce anos despois da aprobación do PXOM, só dous solos urbanizables o número 3 e o 28, que suman 2,7 hectáreas, foron plenamente desenvolvidos e outros se quedaron a medias, entre os que destaca o chan urbanizable número 15, que é o parque empresarial de Nantes, e que ten unha extensión de 65 hectáreas.
Segundo o goberno bipartito de Sanxenxo, o obxectivo principal da suspensión é adaptar a ordenación e planificación destes solos á abundante lexislación aprobada con posterioridade ao PXOM de Sanxenxo e tamén ás necesidades actuais de vivenda.
A lexislación, os cidadáns e mesmo os propietarios dos solos demandan menos cantidade de vivenda e máis calidade. Por tanto, se o PXOM xa supuxo un salto de calidade urbanística en relación ás normas urbanísticas de 1990, a nova ordenación destes solos tamén os será con respecto ao PXOM.
TRAMITACIÓN
Nestes momentos está a redactarse o prego de prescricións técnicas para a redacción desta modificación. O traballo para realizar dividirase en dúas fases, unha primeira fase que será de análise e diagnóstico da situación actual dos solos urbanizables, das infraestruturas e da conectividade do Concello. Isto servirá de base para establecer os obxectivos, finalidade, determinacións e alcance da modificación.
E unha segunda fase, que será a elaboración dos diferentes documentos da modificación puntual e a súa avaliación ambiental.
A partir da entrada en vigor da suspensión de licenzas dos solos urbanizables hai que facer a seguinte tramitación:
- Convocatoria dun concurso público para encargar a redacción dos cambios a un estudo de urbanismo/enxeñería/arquitectura.
- A remisión de toda a documentación á Consellería de Medio Ambiente, para que, en coordinación coa Dirección Xeral de Urbanismo, póidase aprobar inicialmente, previa exposición de dous meses.
- Posterior a todos os informes sectoriais necesarios, o Concello aprobará provisionalmente o contido do plan, con todas as modificacións pertinentes que fosen necesarias.
- Aprobación definitiva do mesmo por parte da Dirección Xeral de Urbanismo.
Relacionadas:
-
Os propietarios do polígono de Nantes deberán poñer 638.391 euros para desatascalo
Por Redacción |
-
Sanxenxo aproba en pleno desestimar os recursos á suspensión de licenzas
Por Redacción |
-
Telmo Martín, satisfeito coa acollida que tivo a suspensión das licenzas dos chans urbanizables
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo fai un inventario dixital de todas as vías municipais
Por Redacción |
-
Telmo Martín propón a suspensión das licenzas dos chans urbanizables en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |