O PP solicita de novo á Deputación a relación de concellos que pediron axudas para proxectos singulares
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular insiste en solicitar á Deputación de Pontevedra unha relación de todos os concellos que pediron axudas para proxectos singulares. "Parécenos que non lle estamos pedindo nada excepcional", dixo o voceiro do PP, Ángel Moldes.
A Deputación anunciou que destinará 18 millóns de euros a un novo plan para financiar proxectos nos pequenos concellos de menos de 20.000 habitantes, de modo que poderán levar a cabo obras singulares que xa estean avanzadas e ás que a institución provincial achegará un máximo de 1,5 millóns de euros por municipio.
Hai practicamente un mes que rematou o prazo para anotarse e que os populares pediron a información que aínda non recibiron.
O voceiro do PP lamenta que este plan "o xestionaron mal e foron improvisando desde o principio".
Así, recorda que fixeron a convocatoria no mes de agosto, "en plenas vacacións da maior parte dos técnicos dos concellos", e deron un mes para presentar proxectos, pero desde Deputación "non sabían aclarar aos alcaldes que preguntaban que tipo de proxectos se podían incluír, algo realmente estraño".
"Despois intentaron aprobar, cando xa o prazo para presentar proxectos estaba rematado, unha modificación substancial das bases que finalmente Carmela Silva anulou no último momento, antes da votación en pleno para evitar o recurso que tiña anunciado o PP", sinala o voceiro popular.
Polo tanto, sinala Ángel Moldes, "non sabemos se agora este retraso intencionado para facilitar os datos corresponde a algunha nova improvisación coa xestión do plan ou simplemente é un problema da falta de transparencia desta nova Deputación".
Relacionadas:
-
A Deputación asina convenios con 21 dos 25 concellos beneficiarios do plan de reequilibrio
Por Oskar Viéitez |
-
O PP denuncia o reparto "a medida" do plan de reequilibrio da Deputación e pide a súa paralización
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O goberno provincial retira a modificación do último plan provincial para evitar as críticas do PP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación e PP acúsanse mutuamente de caciquismo
Por Oskar Viéitez |
-
O PP tilda de "improvisado" e "insuficiente" o plan da Deputación de grandes obras para concellos pequenos
Por Natalia Puga |