Buscan un home denunciado por intentar raptar unha nena en Cambados
Por Redacción
A Policía Local de Cambados apela á colaboración cidadá para localizar a un home que, na tarde do pasado mércores, tentou secuestrar a unha nena de trece anos.
Unha muller presentou unha denuncia na que relataba que, sobre as 20.30 horas, un home cunha voluminosa barba canosa e un sombreiro de cor verde tipo pesca convidou á súa filla a subir con el ao seu coche para achegala a casa. Conducía un vehículo grande de cor negra, tipo furgón Jumper, Sprinter ou similar.
Ocorreu na contorna de Fefiñáns e para tratar de convencela o individuo díxolle á nena que coñecía á súa nai, o cal non era certo.
A única información que logrou solicitar a Policía Local do vehículo é que parecía que na súa parte traseira non levaba cristais ou parecían tintados, debido a que se vía escuro, e que tiña un golpe na aleta traseira sobre a roda ao lado dereito.
A Policía solicita aos veciños que se observan un vehículo que encaixe con esta descrición ou unha persoa que lles resulte sospeitosa avisen á Policía Local ou á Garda Civil. Pódeno facer a través dos seus respectivos teléfonos ou ben desde a central de emerxencias do 112.