Continúan as obras de acondicionamento e mellora da marxe esquerda do acceso á praia de Areas
Por Redacción
O concelleiro de infraestruturas do Concello de Sanxenxo, Daniel Fernández, visitou a obra de mellora do acceso á praia de Areas. Neste viario, existía unha gabia no lado esquerdo, de 200 metros de longo, que estaba sen acondicionar, co firme en terra, tramos en formigón e coa cuneta en mal estado.
Durante a tempada estival esta zona é utilizada maiormente polos usuarios da praia como zona de aparcadoiro, polo que, ao non estar acondicionada, prodúcese unha gran aglomeración de vehículos sen ningún tipo de ordenamento. Ademais, supón un perigo para os peóns.
En base a isto, o Concello realizou un proxecto para levar a cabo o acondicionamento do lugar para destinalo a zona de aparcadoiro e ao mesmo tempo habilitar unha zona de peonil correctamente sinalizada e que garanta a seguridade dos usuarios da vía.
A actuación, que se está executando nestes momentos e estará terminada as próximas semanas, consiste en demoler as zonas do pavimento existente, instalar tubaxes, sumidoiros e un sistema de recollida de pluviais. Unha vez feito isto, procederase ao asfaltado e, para terminar, pintarase a zona, delimitando as prazas de aparcadoiro e o espazo para o paso dos peóns, instalando tamén sinalización horizontal e vertical.
O orzamento de execución das obras ascende a 49.900 euros, dos cales un 75% será financiado a través do Fondo FEADER, un 17,5% pola Xunta de Galicia, e un 7,5% polo Ministerio de Medio Ambiente. Os 12.800 euros restantes serán achegados polo Concello.