Desestiman, en primeira instancia, un dos recursos do PP contra o orzamento municipal
Por Alejandro Espiño
O xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra desestimou un dos dous recursos presentados polo Partido Popular contra a aprobación do orzamento municipal de 2017. Trátase, en concreto, do que impulsou o propio Jacobo Moreira solicitando a anulación da convocatoria do pleno no que se aprobaron as contas.
O fallo xudicial, que divulgou o PP, pode ser recorrido ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) no prazo de quince días.
Os populares pedían que se declarase nula a convocatoria do pleno ao entender que se vulneraba a lexislación ao debaterse unicamente o proxecto de orzamentos do goberno municipal, excluíndo as emendas da oposición, e vincular a súa aprobación a unha moción de confianza que xa non procedía.
Esta situación, argumentaba o PP, era "do todo anómala e contraria aos máis elementais principios e valores democráticos" e acusa o goberno municipal de "primar a vontade do alcalde sobre a vontade da maioría do pobo, manifestada a través dos seus lexítimos representantes".
A sentenza sinala, con todo, que dita convocatoria axústase a dereito pois "obedece a unha posibilidade legalmente prevista para o alcalde" e cualifica como "ilóxica" a pretensión de que o goberno municipal tivese que debater un orzamento emendado pola oposición se tiña previsto presentar unha cuestión de confianza se non era aprobado.
Neste caso, continúa o xuíz, "han de ser os orzamentos aprobados polo grupo de goberno os que haxan de ser obxecto de debate e votación en pleno, para, no seu caso, de non obter a maioría necesaria, expor despois a cuestión de confianza a eles anudada".
O fallo non entra a valorar o fondo da cuestión, é dicir, a legalidade ou non do orzamento aprobado, xa que lembra que esa análise depende dun segundo recurso presentado polo PP ante o TSXG.
Jacobo Moreira, tras coñecerse esta sentenza, asegura que "contemplabamos" esta decisión do xuíz, pero explicou que seguindo a estratexia xurídica "era preciso" impugnar a convocatoria do pleno para poder facer o propio posteriormente coa aprobación do referido orzamento.
O goberno municipal, por agora, non se pronunciou con respecto a este fallo.