O IES Valle Inclán localiza a 204 ex alumnos que cursaron o Erasmus universitario
Por Redacción
O IES Valle Inclán de Pontevedra ten localizado a 204 ex alumnos do centro que fixeron un Erasmus universitario dende que, a principios de agosto, fixo un chamamento público para localizalos. O obxectivo é trasladar a súa experiencia aos novos alumnos do Erasmus escolar que se fai no ensino secundario e bacharelato.
Atopar estas persoas é un gran éxito que supera todas as expectativas dos organizadores que, nun primeiro momento e, ante a falta de rexistros concretos, imaxinaba que o número do alumnado ex erasmus estaría en torno aos 80.
A docente do IES Valle Inclán Ana Santos Solla comezou esta campaña o pasado 4 de agosto, iniciativa que desenvolveu tras contactar polos seus propios medios con 28 dos 70 antigos alumnos que calcula fixeron o Bacharelato ou a ESO neste IES dende que comezou o Erasmus universitario en 1987, é dicir, hai xa 30 anos.
Así que, co apoio dos medios pontevedreses, a súa lista pasa de 28 a 204 ex alumnos, a meirande parte deles residentes en diversos países do mundo e en multitude de ocupacións. Algúns destes profesionais teñen recoñecido prestixio internacional polo seu labor no ámbito científico, artístico, industrial, divulgativo, entre outros.
Varios deles estiveron en Pontevedra na última semana de agosto. Un grupo ainda máis numeroso vaise achegar á unha reunión o 19 de outubro, no propio IES Valle Inclán, coa intención de "potenciar o proxecto YES Erasmus+, xerar sinerxias entre os antigos alumnos e os novos", explica Santos Solla, e facer que "os que xa pasaron pola experiencia de estudar fóra do seu país poidan facer atractivo aos novos alumnos a participación nun Erasmus e poidan axudalos a decidir sobre as mellores opcións das que disponen".
A todos estes ex alumnos a profesora fíxolles ademais un encargo: a grabación e envío ao centro dun vídeo de eles mesmos, de dous a tres minutos, cunha breve presentación, unha descrición dos estudos que cursaron, a profesión que desenvolven na actualidade e onde residen.