CIG acusa o Sergas de empregar "camións quirófano" coma se foran "feirantes"
Por Redacción
Dous "camións quirófano", como os define a CIG, chegaron hai uns días ao Hospital Provincial. Están estacionados no seu aparcadoiro e o sindicato demanda que a xerencia do complexo informe sobre que ten previsto facer con este equipamento ambulante.
Estes camións, asegura CIG-Saúde, están a percorrer a xeografía galega "como se fosen feirantes" e a maior parte do tempo, din, están fóra de servizo.
Sanidade investiu preto de dous millóns de euros na compra deste equipamento, chamado Punto de Atención-Diagnóstico Terapéutico Móbil, co obxectivo de cubrir as necesidade sanitarias da poboación en zonas xeograficamente afastadas do hospital de referencia e reforzar os centros sanitarios.
Para a CIG é un "malgasto económico" que non serve para corrixir as deficiencias do sistema sanitario público galego e cualifica esta adquisición como "lamentable" cando hai centros de saúde como os de Anafáns, Caldas, Portonovo ou Marín que teñen graves carencias en recursos materiais e humanos.
O Sergas, denuncia o sindicato nacionalista, utiliza como argumento para desmantelar as áreas sanitarias e para afastar as prestacións sanitarias da poboación "que a proximidade aos centros sanitarios non garante a excelencia nin a calidade".
Agora, engaden nun comunicado, "queren convencer á poboación que é mellor desmantelar as infraestruturas sanitarias (peche de camas, peche de quirófanos, falta de persoal) e substituír estas por un camión ambulante".
CIG-Saúde esixe á xerencia dos hospitais de Pontevedra e O Salnés que non malgaste diñeiro público en instalacións "que non van a resolver ningunha das moitas carencias desta área sanitaria" e que destine este diñeiro á contratación de máis persoal para dar unha prestación sanitaria de calidade.