O luxoso Bremen estrea as escalas de cruceiros en Marín
Por Redacción
O cruceiro de luxo "Bremen", da naviera Hapag Lloyd estreou as escalas de buques de pasaxe no Novo Peirao Comercial do Porto de Marín.
O barco chegou á primeira hora do domingo procedente de Celeiro e permaneceu atracado durante todo o día antes de partir cara a Viana do Castelo. Varios autobuses trasladaron aos visitantes a diversos puntos de interese turístico como Baiona, Santiago ou Combarro. Ademais dispúxose dun bus lanzadeira entre Pontevedra e o Porto de Marín.
O Bremen chegou a Marín con 144 pasaxeiros e 99 membros da tripulación. Antes da súa escala no porto pasou por Groelandia, Islandia, Reino Unido, Alemaña e Francia.
O Bremen atracou no Novo Peirao Comercial de Marín, para o que precisamente o Plan de Investimentos da Autoridade Portuaria contempla unha ampliación para o período 2017-2021, co fin de dar servizo ás crecentes necesidades de atracada e zonas de manipulación de mercadorías.
Trátase dunha infraestrutura destinada principalmente a tráficos de produtos siderúrxicos pero que podería ter unha utilización polivalente para atracadas puntuais de cruceiros deste tipo. Na actualidade conta con 180 metros de lonxitude e 9 metros de calado.
A súa configuración fai posible a súa prolongación executando un peirao sobre pilotes de 150 metros de lonxitude e 11 metros de calado, o que daría servizo a buques de maior porte. Isto permitiría ademais habilitar unha chaira de 5.000 metros adxacente ao peirao.