Piden máis investigación contra o cancro cunha marcha solidaria en Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado
Do Pontillón do Castro á avenida Montero Ríos. Ese é o percorrido que realizaron, a pé ou en bicicleta, unhas 800 persoas que este domingo participaron na primeira edición da Marcha contra o Cancro, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro de Pontevedra.
O obxectivo desta marcha solidaria era fomentar a adopción de hábitos saudables entre a poboación e recadar fondos para financiar proxectos de investigación oncolóxica.
Tras saír do encoro pouco despois das dez da mañá, os participantes pasaron sucesivamente polas zonas de Rosende e Covadaspera, Outeiro dos Cans e Outeiro dos Cregos, o lugar de Gatomorto, Monte das Pías, O Couso ou os ríos Verducido e Lérez, ata chegar á conexión da ponte dos Tirantes.
Os doce quilómetros de percorrido completáronse, xa por tramos urbanos, pola avenida de Buenos Aires, Arcebispo Malvar e a avenida de Montero Ríos.
Como colofón á marcha celebrouse unha gran festa, coa actuación de La Pistola del Manco, actividades infantís e a venda de produtos de merchandising da asociación, que serviron para aumentar a recadación solidaria do evento.