Centos de persoas únense en Pontevedra para defender a unidade de España
Por Alejandro Espiño
A manifestación convocada en Barcelona a favor da unidade de España tivo a súa réplica en Pontevedra. Centos de persoas participaron nun acto, ante a Subdelegación do Goberno, para mostrar o seu apoio á Constitución española e ás forzas e corpos de seguridade do Estado desprazados a Cataluña.
Esta concentración celebrouse apenas 24 horas despois doutra mobilización cidadá que reclamaba diálogo entre España e Cataluña para afrontar a tensión política e social que se creou tras a convocatoria do referendo de independencia.
Ataviados con bandeiras españolas e con continuos berros de "viva España", os asistentes ocuparon parte dos xardíns situados en fronte da Subdelegación para mostrar o seu rexeitamento a calquera proceso que fracture a unidade do país. "España es una y no 51", corearon en varias ocasións.
Da situación creada en Cataluña responsabilizan unicamente ao Govern catalán e por iso pediron prisión para o presidente Carles Puigdemont, polas decisións adoptadas para convocar o referendo e alentar un "clima crecente de hostilidade" cara á unidade de España.
Os asistentes reclamaron que "non queremos divisións, queremos unidade" coa lectura dun manifesto co que expresaron o seu desexo que "vivir en paz" e dentro dun "proxecto común que se chama España e Europa" porque, engadiron, "somos España e somos todos irmáns".
"Non máis odio. Queremos máis España. Máis Europa. Máis democracia e máis estado de dereito. Queremos vivir en paz e educar aos nosos fillos libremente, afastados de ideoloxías populistas, por desgraza xa instaladas nas aulas de Cataluña", continua o manifesto.
Ademais, os pontevedreses que apoiaron esta convocatoria tiveron un recordo para os axentes da Policía Nacional e a Garda Civil desprazados a Cataluña porque "non estades sós", xa que aseguran que millóns de españois apóianos "mentres nos defendedes da tiranía e o odio".
Un dos puntos álxidos da concentración foi cando os participantes cantaron ao unísono o popular pasodobre "Que viva España" de Manolo Escobar, convertido nun himno contra os desexos separatistas cataláns.
Relacionadas:
-
RADIO.- O minucioso traballo xornalístico de Pilar Urbano pon nas librerías "a viaxe a ningunha parte" do 'procés'
Por Marisa Ciordia |
-
A Subdelegación celebra o aniversario máis polémico da Constitución pedindo "convivencia" e "consenso"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
VIDEO.- "No están solos": A Garda Civil apoia aos axentes desprazados a Cataluña
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |
-
Bandeira branca en Pontevedra para reclamar diálogo entre España e Cataluña
Por Alejandro Espiño |
-
A Garda Civil suspende o viño oficial dos actos do Pilar en solidariedade cos compañeiros de Cataluña
Por Natalia Puga |
-
VÍDEO.- Policías piden en Pontevedra medidas urxentes para frear o "acoso" e "persecución" que sofren en Cataluña
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Arredor de 200 persoas amosan o apoio ao pobo catalán nunha concentración de protesta
Por Anxo Lourido |