Solicitan medidas urxentes para que Piñeiro, San Xulián e Ardán non queden sen auga
Por Redacción
O problema de falta de auga que están a padecer as parroquias de Piñeiro, San Xulián e Ardán é, segundo o BNG, xa moi grave. Por iso, anuncian que presentarán unha moción pola vía de urxencia para que o pleno da corporación acorde adoptar medidas para solucionar este problema.
Os nacionalistas consideran "chamativo" que sexan as parroquias onde existen minas de auga as que sofren esta problemática. Ningunha delas dispón do servizo de abastecemento de auga municipal, polo que se serven de pozos artesáns para que a auga chegue as súas casas.
O BNG engade que a Escola Naval Militar dispón de minas de auga na parte alta da parroquia de Santomé, apropiación cuestionada pola veciñanza no seu momento, para o abastecemento das súas instalacións, "e aos veciños quédanlle as migallas".
"A situación é de tal gravidade que temos constancia dalgunha familia que chegou a deixar o seu lugar de residencia habitual ao carecer de auga na súa casa, un servizo elemental e básico para a vida cotiá de calquera persoa", denuncia o partido nacionalista.
É máis, critican que a obra de abastecemento de auga de Pontevedra a Marín para a conexión do novo depósito de Pardavila e o abastecemento á rede de auga xa existente, que supuxo un custo de case 4 millóns de euros, "foi para dar servizo a zonas que xa dispoñían del, mais non para as que continúan carecendo do mesmo".
Ante esta situación, o BNG solicita que o pleno acorde elaborar un estudo para levar auga ás parroquias que carecen deste servizo e que os servizos municipais, coa colaboración da Xunta de Galicia, tomen medidas urxentes para garantir a subministración de auga á veciñanza destas tres parroquias.