52 familias de Sanxenxo benefícianse do servizo de atención no fogar
Por Redacción
Un de cada tres euros que o Concello de Sanxenxo gasta en servizos sociais destínase ao servizo de atención no fogar. Así o destaca o goberno municipal, que desvelou que un total de 52 familias benefícianse desta iniciativa.
Anualmente, Sanxenxo destina 346.270 euros a financiar este servizo.
Grazas a esta axuda, as familias reciben unha ampla gama de prestacións, desde as máis sinxelas, como pode ser a compra de medicamentos, acompañamento ao supermercado, cociñar ou limpar a casa ata a atención en labores tan cotiáns como axudar a levantarse ou a ducharse ás persoas con maior dependencia.
Dependendo da necesidade de cada familia, a visita pode ser varias veces á semana ou a diario, con máis ou menos horas de dedicación.
Para prestar este servizo, a concellería de servizos sociais conta cun equipo de 30 mulleres, con distinta dedicación, desde as que colaboran ocasionalmente facendo substitucións por vacacións ou baixas ata as que o fan a diario e alcanzan 38 horas semanais.
A concelleira de servizos sociais ten previsto facer algúns cambios para mellorar a prestación deste servizo, por exemplo, garantindo que os dependentes reciben a atención sempre da mesma persoa, facendo este criterio compatible coas quendas de vacacións e as baixas do persoal.
No ano 2016 o servizo de atención no fogar sumou 21.806 horas de atención a dependentes, o que supón unha media de 1.817 horas mensuais e máis de 60 horas diarias.
Dos 346.270 euros que custa este servizo, a Xunta é a administración que máis recursos achega con 195.102 euros. Séguelle o Concello que pon cada ano 95.520 euros, a Deputación 23.415 euros e os usuarios, que pagan en función da súa renda, abonan 32.116 euros.
Ademais, a concellería de servizos sociais ten outras iniciativas para atender a persoas que non son tecnicamente falando dependentes, pero que teñen necesidades moi básicas a carecer de recursos.
Trátase do Programa de Emerxencia Social do que se benefician case 30 familias e que cobre desde a compra de alimentos ata o pago do aluguer ou cubrir os gastos derivados dun falecemento. En 2016, o Concello destinou outros 21.426 euros a este programa, dos cales 8.500 euros achégaos a Deputación.
Relacionadas:
-
CC.OO. acusa ao Concello de Sanxenxo de modificar ilegalmente as condicións de traballo do SAF
Por Oskar Viéitez |
-
Sae a concurso a concesión da xestión do centro de día de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín reforzará o persoal dos servizos sociais e os socorristas
Por Oskar Viéitez |
-
Servizos Sociais crea un banco de material ortoprotésico con guindastres e camas articuladas
Por Redacción |