Poio contratará un orientador laboral para o Concello
Por Redacción
A partir do luns 9 de outubro abrirá o prazo para que todos os interesados poidan presentar a documentación precisa para concorrer á praza de orientador laboral que vén de convocar o Concello de Poio.
As bases do proceso pódense consultar na web do Concello e o proceso está aberto ata o venres 13 de outubro.
A intención do goberno municipal é que esta persoa empece a prestar os seus servizos nun breve espazo de tempo.
Con esta contratación, que se adscribe á Concellería de Promoción Económica, buscan mellorar os servizos de seguimento das situacións de desemprego das persoas que o utilicen.
Será este especialista, a maiores da axente de emprego e desenvolvemento local que había ata o de agora e os bolseiros do departamento, a persoa que se dedique en exclusiva a esas situacións, co obxecto de mellorar a empregabilidade dos veciños do municipio que o precisen.
O concelleiro de Promoción económica, Gregorio Agís, considera moi positivo para Poio o financiamento desta iniciativa, debido a que a problemática do desemprego é unha prioridade para a poboación e dende a administración local "precísase tamén implicación neste tema, aínda que sexa unha competencia impropia desta administración".
Agís entende que a administración máis próxima ao cidadán non se pode esquecer desta cuestión para alcanzar a mellor situación económica e social da súa poboación.