Sanxenxo Independentes, unha futura opción política para 2019?
Por Redacción
Vanessa Rodríguez Búa dá un paso á fronte. A edil non adscrita busca continuar co proxecto político que iniciou tras darse de baixa de SAL, tras o pacto alcanzado co PP que levantou a Telmo Martín á alcaldía. Farao con Sanxenxo Independentes (SI), unha marca que nace como unha canle de comunicación nas redes sociais.
Acompañada por María Piñeiro e Miriam Búa, Vanessa Rodríguez explicou que ese é o nome co que xorde nas redes sociais, principalmente Facebook e Twitter, un perfil que busca converterse nunha canle de comunicación permanente entre o seu equipo e os cidadáns "que manteñan viva a esperanza de que outras formas de facer política son posibles".
A edil inicia así un novo ciclo político, no que está acompañada por boa parte dos militantes que cursaron a súa baixa en SAL pero tamén por un importante número de persoas que se foron sumando a un proxecto que irá cobrando forma nos próximos meses.
"Non sabemos onde chegaremos e se nos presentaremos ás próximas eleccións, pero si sabemos como queremos chegar e iremos dando pasos nesa dirección", explicou Rodríguez Búa en rolda de prensa.
Asegura que a pesar da experiencia vivida nestes dous últimos anos, "mantemos intacta nosa ilusión e as nosas ganas de traballar por un futuro mellor para Sanxenxo, porque cremos firmemente nas posibilidades que ten o noso municipio".
"Cremos que a coherencia, a rectitude, a transparencia, a humildade e a lealdade son as que deben rexer as nosas accións", explicou a edil.
Vanessa Rodríguez Búa animou a todos os cidadáns a participar neste novo proxecto, porque destacou que "calquera que queira contribuír a mellorar o noso Sanxenxo pode formar parte desta aventura", tendo a posibilidade real de participar, de opinar e de decidir sobre o futuro de Sanxenxo.
Relacionadas:
-
Cidadáns ultima a súa 'aterraxe' en Sanxenxo e Cambados
Por Alejandro Espiño |
-
Vanessa Rodríguez renuncia a integrar o grupo municipal de SAL
Por Redacción |
-
VIDEO.- Celebran a volta de Telmo Martín como alcalde de Sanxenxo con vítores de "vivan los novios"
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Gonzalo Pita deixa a Alcaldía entre reproches e protestas, pero con brinde final
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |